A pesar da súa aparente soidade na entrada da
ría de Vigo, a modo de gran dique protector, unha vez aquí saberedes que as
Cíes ocupan un importante lugar na historia. Foron territorio do home no Paleolítico e no Neolítico. Da Idade do Bronce data o castro "
As Hortas", situado na aba do
Monte Faro, que tamén foi ocupado durante a época romana. Algúns autores incluso sosteñen que Xulio César pisou este territorio. Non quedan restos das invasións suevas, pero no século VI instaláronse aquí dous conventos:
San Martiño na illa Sur e
Santo Estevo na illa do Medio. Sobre as ruínas deste último construíuse o actual Centro de Interpretación, xunto ao cal aínda poderedes ver un sepulcro antropomorfo.
Francis Drake...
Os ataques piratas dos turcos, tunisianos e ingleses na
ría de Vigo tamén chegaron ás
illas Cíes, que incluso foron arrasadas polo famoso corsario inglés Francis Drake. Estes asaltos provocaron plans de fortificación posteriores, a construción dun almacén de artillería en 1810 no antigo
mosteiro de Santo Estevo, un cuartel de carabineiros e o cárcere próximos á
praia de Nosa Señora. Avanzados os anos, o auxe da actividade conserveira na costa tamén fixo que sobre 1840 se levantaran aquí dúas fábricas de salgadura, entre outras construcións, pero que foron cesando a produción debido á competencia ata chegar a desaparecer. Igual que o fixo a sempre intermitente e pequena poboación local, a maioría orixinaria de
Cangas, a mediados do século XX á par que medraba o interese turístico por este destino.
Non vos deixedes levar pola tentación de permanecer tombados en calquera destas praias que, polas súas características naturais, ben parecen asociadas a destinos tropicais, igual que outras de Galicia. A máis longa de
Rodas, a de
Nosa Señora, a
nudista das Figueiras, a
cala da Cantareira,… Aproveitade para explorar as illas
Norte e a do
Medio, unidas entre si por un pequeno dique que deu lugar a unha lagoa de auga salgada, e polo
areal de Rodas.
Sen dúbida, a
ruta cara ao Monte Faro é a preferida debido á espectacularidade da subida: en pronunciada pendente e en zigzag, acadando os 175 metros sobre o nivel do mar. Neste cumio atópase o
faro das Cíes, que data de 1852. Dende aquí teredes unha magnífica panorámica do arquipélago que compensará o esforzo previo e a falta de alento. Esta camiñada permitiravos explorar boa parte da
illa do Medio e os seus valores naturais e culturais: o
Centro de Interpretación da Natureza; a
praia de Nosa Señora, a
Pedra da Campá, perforada pola forza dos ventos atlánticos cargados de salitre, e o observatorio de aves. Veredes corvos mariños, pero sobre todo gaivotas patiamarelas. Aquí está a maior colonia desta especie na Península Ibérica, sendo os habitantes máis numerosos das Cíes. Esta ruta tamén vos conectará co
faro da Porta, un sinal marítimo que custodia o estreito do mesmo nome, e desde o que ver en toda a súa plenitude a solitaria
illa de San Martiño, só accesible en barco, e onde está situado o
faro dos Bicos.
Cara ao norte, case no extremo da
illa de Monteagudo, atoparedes o cuarto faro deste enclave, chamado
O Peito. Aínda que situado preto do punto máis elevado do arquipélago, o
Alto das Cíes de 193 metros sobre o nivel do mar, o camiño é livián. Neste traxecto veredes tamén as ruínas dun antigo asentamento e outro observatorio de aves, ademais de sentirvos máis preto de terra. A razón é que este punto só dista 2,5 km da
costa da Vela e de
cabo Home. Ao norte divisaredes o perfil da
illa de Ons protexendo a
ría de Pontevedra.
De volta cara ao punto de partida, aproveitade para subir ao Alto do Príncipe, a 111 metros sobre o nivel do mar. Apoiádevos na caprichosa forma da rocha coñecida como a Cadeira da Raíña. Como se esta pedra fose un balcón natural, asomádevos ao océano Atlántico e observade o contraste entre as dúas vertentes das illas: con paredes de cantís case verticais na cara oeste e suaves dunas e praias na leste.
Andando por esta parte das Cíes, acordarédesvos de Camariñas ou da Pobra do Caramiñal, porque no complexo dunar de Figueiras-Muxieiro medra a camariña, un arbusto protexido e en perigo de extinción, de bagas negro azuladas, que lles dá nome a estes dous municipios coruñeses. E ao mellor animádesvos a coller “herba de namorar”, tamén chamada caravel mariño, como se estiverades en Santo André de Teixido e quixerades cumprir un dos rituais asociados a este santuario máxico para que o só contacto coa planta vos traia sorte cos amores.
Chegado o final do día, despedídevos deste reduto de paz e de vida mentres o mar das Cíes se vai confundido co ceo xa avermellado, e só o ronsel do voso barco vos une con este paraíso celestial na terra.